“A Oficina de Ciencia y Tecnología del Congreso de los Diputados (Oficina C) é unha iniciativa que pretende achegar ou enlazar a comunidade científica cos deputados e deputadas, facilitando o acceso ao coñecemento científico e a súa inclusión na toma de decisións do Congreso, todo co apoio da FECYT, a Fundación Española para la Ciencia y Tecnología do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades”. Neste termos explica Gonzalo Méndez, docente e investigador do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da UVigo, o obxectivo da Oficina C do Congreso de los Diputados para a que el, e a investigadora Juan de la Cierva do seu mesmo departamento, Nerea Piñeiro, elaboraron, xunto a científicos e científicos nacionais e internacionais, un informe sobre a xestión sostible de zonas costeiras.
O denominado Informe C Gestión sostenible de zonas costeras, foi, xunto a outros estudos sobre materias como a prevención activa do suicidio, a intelixencia artificial ou os materiais críticos na transición enerxética, recentemente presentado no transcurso dunha mesa redonda celebrada no Congreso de los Diputados, na que o investigador do CIM-UVigo tomou pate xunto a outras autoras do informe. “É unha moi boa oportunidade para participar nunha experiencia de evidente transferencia, de traballo colectivo con expertos de campos profesionais concorrentes e de aproximación á toma de decisións no máis alto nivel”, asegura o docente e investigador da UVigo, que tamén recoñece a satisfacción profesional de resultar escollido para o panel de expertos que elaboraron o informe.