Cun percorrido guiado dunhas dúas horas e media de duración polas praias de Areas Gordas, A Lapa e Montalvo, Sanxenxo converterase o vindeiro domingo, 10 de maio, no escenario dunha nova edición do Xeolodía, unha iniciativa coordinada a nivel nacional pola Sociedad Geológica de España (SGE). “O obxectivo é achegar a xeoloxía á sociedade e demostrar a súa relevancia como ciencia atractiva e útil para a nosa contorna”, explica Bienvenido Diez catedrático do Departamento de Xeociencias mariñas e ordenación do territorio da UVigo que, a través de profesorado da Facultade de Ciencias do Mar e da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, encárgase da organización do evento a nivel local.
Sanxenxo: Roca, Mar e Tempo é o título da xornada gratuíta e na que as persoas que queiran participar teñen que inscribirse previamente nalgunha das 150 prazas dispoñibles. Como medida para promover a inclusión, o último grupo que participe na xornada contará cun percorrido adaptado especificamente deseñado para persoas con mobilidade reducida.
Dende o ano 2023, cinco investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo, aos que se suman outros nove das universidades do Algarve e Sydney e do CSIC, conforman o comité xeocientífico creado polo Concello de Vigo ao abeiro da proposta de candidatura do arquipélago de Cíes como xeoparque mundial da Unesco, coa que o goberno municipal vigués aposta pola conservación, protección e promoción turística e medio ambiental sostible das illas. Coordinado polos docentes e investigadores do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio do CIM-UVigo, Irene Alejo e Gonzalo Méndez, o comité xeocientífico de expertos centra as súas actividades “na achega de toda a información necesaria para apoiar a candidatura, que se concreta na avaliación e validación da información recollida sobre Cíes, complementar o coñecemento existente con novos datos, mesmo facendo campañas de campo e coordinar o informe técnico”, detalla Méndez. “O noso compromiso é proporcionar evidencia do valor xeolóxico, natural e cultural que se atopa nas Cíes, demostrando que o arquipélago cumpre cos criterios da Unesco para o seu recoñecemento como xeoparque”, sinala Irene Alejo, que confirma que este obxectivo se materializará “na realización de estudos nos que se avaliará a candidatura mediante a identificación e singularidade do seu patrimonio xeolóxico, a súa vulnerabilidade ou a afectación do cambio climático e os riscos naturais cara estes recursos, ademais de proporcionar información coa que se poderán establecer accións de protección, xestión e conservación do territorio”.
Ambos os dous investigadores participaron este mediodía no Concello de Vigo, xunto ao alcalde, Abel Caballero, e o reitor, Manuel Reigosa, no acto de sinatura do convenio de colaboración entre as dúas entidades para a realización de proxectos e actividades para a consolidación da candidatura nos ámbitos da investigación, a educación e a promoción. “Nós temos un compromiso claro co xeoparque das illas Cíes”, asegurou o reitor Manuel Reigosa, que se amosou convencido que co traballo dos especialistas da UVigo “imos ter éxito”. Reigosa lembrou o traballo que desde hai anos realizan as e os investigadores da institución académica viguesa, mentres que Caballero destacou a importancia de acadar o recoñecemento de xeoparque, así como de contar “coa colaboración da UVigo para preservar o patrimonio, en suma ás illas Cíes, neste caso, pero ademais explotar todas as oportunidades sociais a efectos turísticos”. Caballero confirmou que o importe do convenio acada os 50.000 euros, ao tempo que lembrou que Galicia só conta con dous xeoparques O Courel e Ortegal, e “Cíes será o terceiro”, mentres que en España hai 18. O alcalde lamentou a “paralización torticera”, dixo, por parte da Xunta da candidatura de Cíes a patrimonio da humanidade en 2017, así como que non fixera nada desde entón. “Isto xa no pasa pola Xunta e imos acadar Cíes xeoparque da Unesco”.
O Sistema Praia Barreira Lagoon da Ramallosa está clasificado polo Instituto Geológico y Minero de España (IGME) como un Lugar de Interés Geológico (LIG) con código GM076. “Defínese como LIG unha zona de interese científico, didáctico ou turístico que, polo seu carácter único e/ou representativo, é necesario para o estudo e interpretación da orixe e evolución dos grandes dominios xeolóxicos e os procesos que os moldearon”, explica Bienvenido Diez, catedrático do Departamento de Xeociencias mariñas e ordenación do territorio do CIM-UVigo que xunto a outros e outras docentes da Facultade de Ciencias do Mar e da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía da Universidade organiza o Geolodía25 Pontevedra, que o vindeiro 11 de maio se desenvolverá na Foz da Ramallosa.
Ás persoas participantes, que se poderán inscribir para tomar parte da actividade ata o xoves 8 de maio, se lles explicará ao longo de percorrido a formación, presente e posible evolución do complexo sedimentario co obxectivo de sensibilizalos sobre a preservación do patrimonio xeolóxico e da necesidade de coñecer a contorna xeolóxica onde se desenvolve a súa actividade diaria. “O primeiro Xeolodía o celebramos, tamén en Baiona, en 2011 e pensamos que volver 14 anos despois é o axeitado”, destaca Diez, que lembra que esta celebración arrancou no territorio española hai 20 anos da man da Sociedad Geológica de España e na actualidade mesmo se celebran Xeolodías transnacionais con Portugal e tamén fóra de España.
Un equipo de paleontólogos da Fundación Conjunto Paleontológico de Teruel-Dinópolis e da Universidade de Vigo acaban de publicar na revista científica Diversity novos avances que permiten perfilar como era o ecosistema no que vivían os dinosauros no Cretácico no que hoxe é a provincia de Teruel durante un intervalo duns 25 millóns de anos.
A investigación paleobotánica analizou numerosos restos de follas atopados en cinco xacementos da provincia de Teruel, algunhas delas de grandes dimensións, correspondentes ao xénero Desmiophyllum, que pertence ao grupo das ximnospermas. Dos datos obtidos despréndese que esta planta estivo amplamente repartida por diferentes ambientes nos que tamén vivían dinosauros herbívoros no Cretácico.
O estudo está asinado por Luis M. Sender, Josué García-Cobeña e Alberto Cobos, da Fundación Conjunto Paleontológico de Teruel-Dinópolis/Museo Aragonés de Paleontología e por José B. Diez, do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da UVigo e investigador do Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo. Segundo este último, a relevancia deste traballo radica en que achega novos datos paleobotánicos que “nos permiten unha visión integral do rexistro fósil atopado neste tipo de xacementos famosos polo achado de restos de dinosauros. Os restos de plantas descritos conxuntamente con outros datos previos xa publicados estanos permitindo ter unha mellor comprensión xeral das condicións paleoambientais destes afloramentos”.