Cun percorrido guiado dunhas dúas horas e media de duración polas praias de Areas Gordas, A Lapa e Montalvo, Sanxenxo converterase o vindeiro domingo, 10 de maio, no escenario dunha nova edición do Xeolodía, unha iniciativa coordinada a nivel nacional pola Sociedad Geológica de España (SGE). “O obxectivo é achegar a xeoloxía á sociedade e demostrar a súa relevancia como ciencia atractiva e útil para a nosa contorna”, explica Bienvenido Diez catedrático do Departamento de Xeociencias mariñas e ordenación do territorio da UVigo que, a través de profesorado da Facultade de Ciencias do Mar e da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, encárgase da organización do evento a nivel local.
Sanxenxo: Roca, Mar e Tempo é o título da xornada gratuíta e na que as persoas que queiran participar teñen que inscribirse previamente nalgunha das 150 prazas dispoñibles. Como medida para promover a inclusión, o último grupo que participe na xornada contará cun percorrido adaptado especificamente deseñado para persoas con mobilidade reducida.
